UN ARTISTA ENTRE NÓS.

O pasado 25 de outubro a súa Maxestade a Raíña Sofía  facía entrega dos galardóns da 31º Edición dos premios BMW  de pintura.

Trátase dun prestixioso certame destinado a promover a arte en xeral e a pintura en particular mediante a difusión das obras dos novos talentos.

Dende o seu comezo, alá polo 1986, o premio BMW de pintura contou coa participación de máis de 21000 artistas de diversas nacionalidades e de diferentes estilos e tendencias

bmw-2

img-20161028-wa0001

 

A gala, de moita pompa, celebrouse no Teatro Real de Madrid e contou con máis de 1500 invitados entre os que se atopaban representantes do mundo da cultura e da alta sociedade española.

E resultou que o talento máis novo que deixou ao xurado abraiado coa súa obra “Elefante surfista”, témolo nós no club, trátase de MARTÍN ROSENDE.

Di Martín que fixo este cadro, cando estaba folgado de vacacións, porque lle fixo graza imaxinarse  a un elefante facer surf no mar, isto despois de ver aos surfeiros dacabalo das súas táobas nos areais de Razo.

Xa sabedes,  cando fagades series nas pistas, metede barriga porque nunca se sabe o que lle pode estar pasando polo maxín a Martín!

martinrosendepineiro

Este virtuoso xa ten no seu haber un currículo xeitoso de artista xa tamén foi el o  deseñador do debuxo do “Colecamiños” que podemos ver ao longo da nosa cidade(cóntanolo Paula, a  nai orgullosa) como para no estalo!

–          Paula con que recordo se queda Martín desta viaxe fantástica?-

“Si, houbo algo que lle gustou moito.

O ben que os pintores adultos (os 10 finalistas) arrouparon a Martín. Fíxate que antes da gala os 10 pintores e Martín estiveron sos nunha saliña onde cada un se tiña que situar ao lado do seu cadro para responder ás preguntas que a raíña Sofía e os acompañantes lles fixesen. Estiveron sos máis tempo do previsto porque a raíña se retrasou e, aínda que os adultos estaban nerviosos porque non sabían si serían gañadores ou non, alí estiveron conversando con el, fixeron boas migas… baixaron á gala do máis «amiguetes» e aplaudiron moito cando lle tocou a Martín recoller o premio”

-E os pais, que sentides?

“Nós estamos moi contentos por Martín; sempre lle gustou moito debuxar (iso si, debuxa o que el quere); é unha actividade que lle encanta e un premio como este pódeo motivar moito.

Isto poderíalle abrir moitas portas se el seguise coa afección á pintura, que polas trazas que leva seguro que é así,  que non deixe nunca de pintar. En canto a José, está aínda máis contento, el tamén pinta (aínda que non gaña premios).

En decembro teremos que volver con el a Madrid á inauguración dunha exposición no Centro Galileo,  onde terán os cadros finalistas durante un ano en exposición.  Alí vaise a encontrar de novo cos 10 pintores finalistas e espero que sexa xa un acto máis informal.

Dende o club agardamos que cando sexas famoso te sigas acordando de nós, e nos fagas un debuxiño  dun abelleiro divertido e toleirón como é o noso.

Parabéns a este pequeno artistazo  e os seus pais.

Como non todo é correr queremos deixar constancia desta fantástica nova.

img-20161028-wa0000

http://micrositepremiobmwdepintura.es/31-edicion.php